ASAC, Asociación de Altas Capacidades de Galicia
>>
Estatutos da ASAC (ver
.pdf)
>> Pequena historia da asociación, obxectivos,
actividades desenvolvidas, etc:
¿De
onde vimos?
AS.A.C é unha Asociación de Altas Capacidades, que foi
constituída no ano 1995 coas seguintes finalidades:
1. Facilitar unha educación adecuada ás persoas con
altas capacidades.
2. Favorecer unha apropiada formación das nais e pais o mesmo
que as educadoras e educadores para unha mellor comprensión
e tratamento das persoas de altas capacidades.
3. Potenciar as investigacións en altas capacidades.
AS.A.C grazas á colaboración da Faculdade de Psicoloxía,
dispón dun lugar no que desempeñar as súas actividades,
así coma dunha dirección que sitúa a súa
sede social no despacho da Profesora e Directora da Unidade de Investigación
e Estudo de Altas Capacidades.
AS.A.C nace sen fins lucrativos, financiándose exclusivamente
das cotas das súas socios e socios, tendo coma maior característica
a pluralidade entre os seus membros, non estando baixo a tutela nin
ou dominio de ningunha interese partidista nin relixiosa.
AS.A.C conqueriu no ano 1997 asinar un convenio de cooperación
coa INEF da Coruña de xeito que se puideron desenvolver diversas
actividades nas súas instalacións ó longo de
dous anos. Algo do que non dispoñemos dende o ano 1999.
¿Quen somos?
AS.A.C está formado por nenas e nenos de altas capacidades
que previamente foron diagnosticados por persoal especializado da
administración ou por centros especializados, que dende ese
intre participan e son destinatarios das actividades que desenvolve
a asociación.
Non podemos obviar que este feito fai que sexamos a día de
hoxe 454 socias e socios das diversas bisbarras de Galiza. É
a realidade é que a maioria das nenas e nenos con altas capacidades,
pertencentes ás clases humildes, teñen poucas probabilidades
de poder desenvolver o seu potencial cognitivo adecuadamente.
Contamos co Cómite Técnicoasí coma con profesionais
interesados na temática, principalmente do campo da psicoloxía
e do ensino, coma unha equipa de psicólogas para traballar
con todas as socias e socios.
¿Que facemos?
Debido a carencia na que está inmersa Galiza en canto a programas
de enriquecemento, adaptacións curriculares e outros aspectos
que consideramos importantes, entendemos que debemos desempeñar
as funcións a nível nacional que neste intre ninguén
amosa. Sempre sen deixar de lado a reivindicación do cumprimento
das diversas normativas vixentes; que o goberno da Galiza, teña
a ben atender.
As actividades que levamos a termo estructúranse en tres trimestres,
coma un curso escolar, desenvolvéndose de xeito quincenal (cada
dous sábados) na Faculdade de Psicoloxía. Podemos agrupalas
en cinco bloques independentes:
Técnico profesional:
1. Publicación da revista “FAÍSCA” de periodizade
semestral, na que se tratan temas de investigación e divulgación.
2. Presenza e colaboración en congresos que por mor do tema
se veñen realizando noutros puntos da Península (Porto,
Algarve, Madrid, Valencia, Zaragoza...) nos que a través de
ponencias se presenta o traballo que se está desenvolvendo
dende AS.A.C
3. Simposium de Superdotación con asistencia de profesionais
e intelectuais a nível internacional.
4. III Xornadas SINDUR
5. Congreso Internacional de Altas Capacidades en Filandia (setembro
2006)
6. Xornadas sobre Integración Social: Aqui collemos todas e
todos, Faculdade de Xornalismo, Santiago(outubro de 2006)
7. VI Congreso Internacional de Altas Capacidades en Finlandia (outubro
2006)
8. Xornadas de Altas Capacidades e Superdotación, Fundación
Caixa Galicia. Santiago (abril 2007)
Programa de enriquecemento:
O programa de enriquecemento estase a levar a termo
grazas ó apoio ca Universidade de Santiago, que nos permite
facer uso da Faculdade de Psicoloxía para o desenvolvemento
das actividades, coma xa mencionamos anteriormente.
As actividades véñense realizando cunha periodicidade
quincenal e participan nenas e nenos procedentes de todo o País.
Divídense en catro grupos para obter unha maior efectividade
no traballo, pero tendo en conta as súas características,
pódense mesturar segundo as súas inquedanzas:
1. GRUPO A: de 6 até 9 anos
2. GRUPO B: de 10 até 13 anos
3. GRUPO C: de 10 até 13 anos
4. GRUPO D: máis de 14 anos
Nestas xuntanzas lévanse a termo actividades lúdico–formativas,
coma por exemplo: xadrez, lingua de signos, montaxe fotográfica,
obradoiros de novas tecnoloxías, obradoiro de creacións,
o nacemento de Compostela, xogos populares, teatro, traballar en valores...
todas elas dirixidas por monitoras e monitores especialistas na materia
e supervisadas por profesionais de psicoloxía, pois forman
parte do programa de investigación e atención as nenas
e nenos da asociación.
Temos que facer unha mención especial á actividade de
novas tecnoloxías, que comezou grazas á Asociación,
á Unidade de Investigación e Estudos en Altas Capacidadese
á colaboración do Concello de Brión, que puxo
o noso dispór as instalacións, os medios... (pódese
ver na páx web: www.infrobrion.com)
Cabe dicir que as rapazas e rapaces están a confeccionar a
nosa propia páxina web, actualizando certos aspectos coma a
lingua, que anteriores directivas da Asociación non tiveron
en conta, e que vén de ser incluído nos Estatutos da
mesma á entrada da nova directiva; a páxina en cuestión
é: http://www.altascapacidades.org/
Nunca nos esquecemos da cultura e tradicións galegas, polo
que sempre promovemos actividades e visitas ó noso
entorno, para que todas e todos os socios coñezan
fondamente o seu País, consideramos isto coma algo imprescindíbel.
Entre estas visitas queremos reseñar algunhas:
1. Serra dos Ancares, traballouse un trimestre para coñecer
a súa etnografía, fauna, flora... e logo reflectíronse
eses coñecementos in situ.
2. Compostela, Museo Contemporáneo e Museo do Povo Galego
3. Vigo, Museo do Mar, monte de Santa Tecla
4. Ferrol, visitando os Castelos, o Museo Naval, o Barrio da Magdalena,
unha visita por toda a Ría, Museo de Historía Natural
5. As Fragas do Eume, Mosteiro de Caaveiro, o de Monfero.
6. San Xoán de Río, onde fixemos actividades coma tiro
con arco, iniciación ó golf, xogos tradicionais galegos,
iniciación á astronomía, obradoiros de teatro
e monicreques... incluíndo a visita á Fraga de Navea
7. Padrón, visitando a casa da máis ilustre escritora
do País, Rosalía de Castro
8. Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán
9. Riveira
10. Illa de Arousa
11. Cotorredondo...
Escola de nais e pais:
Aproveitando a presenza das nais e pais que veñen a traer as
nenas e nenos, realízanse charlas informativas e formativas
sobor dos temas de interese a cargo das especialistas correspondentes:
“A presenza das drogas”, “Fracaso escolar”,
“Problemas de conduta”, “A nova lei de Ed. Especial”...
Programas de investigación:
O Cómite Técnico, co obxectivo de posibilitar a detención
de nenas e nenos de altas capacidades en toda Galiza, desenvolveu
dende o mes de marzo do ano 1996 até abril do 1997, un programa
de traballo no que se observou ó redor de 13.000 rapaces repartidos
entre colexios públicos, privados e concertados, así
como no ámbito rural e urbano. Dito traballo foi financiado
pola Fundación Pedro Barrié de la Maza, a quen se lle
entregaron, por AS.A.C, os resultados definitivos en xuño de
1997.
Este traballo supuxo unha maneira de espallar esta realidade, que
en moitos casos, por nova, resulta tamén descoñecida
na maior parte dos ámbitos educativos.
Actividades externas:
AS.A.C considera imprescindíbel o contacto coa sociedade, as
entidades e institucións que a representan para deste xeito
dar a coñecer as particularidades destas rapazas e rapaces
de altas capacidades e obter unha mellor integración na sociedade.
Intentamos ter relacións cos medios de comunicación:
1. Na radio: Radio Voz de Lugo, Radio Galega, Radio-Líder,COPE...
2. Na prensa: Diario de Ferrol, La Voz de Galicia, El Correo Gallego,
El Ideal Gallego, Diario de Arousa, Diario Qué...
3. Na rede: culturagalega.org, galicia-hoxe.com, elcorreogallego.es,
nas novas de xunta.es...
4. Na televisión: Localia TV Compostela, TVG, TVE 1...
O noso paso pola Faculdade de Xornalismo serviu para que o seu alumnado
quixera facer documentais, traballos, artigos... obténdose
moi bos traballos coma “Raíz cadrada de nove”
Neste curso imos ver un dos nosos soños feitos, estase a traballar
nun documental co tema das Altas Capacidades, xa comezouse a traballar
nel a finais do curso e neste trimestre rematarase a súa gravación.
Verémolo na Televisión Galega.
Despois de todo o que se foi conquirindo dende os principios ata hoxe,
é polo que queremos invitarvos a integrares na Asociación
para seguer loitando por unha calidade educativa para as nosas fillas
e fillos.